logo

Entrevista a Sonia Quiroga Fernández, responsable da Área SmartFactories, Ciberseguridade e Computación Cuántica en CTAG

“O piar básico é poñer no centro do deseño ao usuario final”

Como está a contribuír o xemelgo dixital ao desenvolvemento do convertidor e que vantaxes achega á fase de produción?

Mediante esta tecnoloxía é posible probar diferentes escenarios e condicións con parámetros diversos para optimizar o proceso de produción antes da súa implantación física. Na fase de produción o sistema permite capturar e cruzar datos en tempo real de diferentes áreas, como produción, calidade, rastrexabilidade ou mantemento. Automaticamente, pode reverter directamente eses resultados á fábrica para unha adaptación moito máis áxil aos cambios ou derivas que se van producindo nas condicións. Por exemplo, detectaría un incremento de tensión nun punto e saltaría unha notificación a mantemento.

En que consiste a implementación da realidade aumentada nos procesos de fabricación e que beneficios ofrece?

Consiste na superposición de elementos virtuais sobre a realidade para proporcionar asistencia á persoa que realiza un traballo. Por exemplo, durante unha verificación de calidade do produto, gamas operativas de proceso ou de mantemento, coa axuda de dispositivos móbiles de realidade aumentada, os operarios son guiados paso a paso mostrando sobre o mundo real información e elementos virtuais que asiste aos operarios en cada unha das súas tarefas.

Estes sistemas permiten, ademais, acceder rapidamente a documentación do equipo, ao seu historial de mantemento, ou mesmo realizar rexistros de tempos de operación, resultados, comentarios en cada un dos pasos ou tarefas realizados.

Que aprendizaxes obtivestes da experiencia con outros proxectos similares e como os aplicastes en Fisterra?

CTAG desenvolveu proxectos con diferentes casos de uso en sectores produtivos diversos, dos que extraemos aprendizaxes como eliminar ruído visual ou seleccionar o dispositivo físico correcto nunha contorna inmersiva segura. O retorno de experiencia destes proxectos que aplicamos en Fisterra vira ao redor dun piar básico: poñer no centro do deseño e desenvolvemento do sistema o usuario final: o operario. Desta forma crearemos ferramentas eficientes que repercutan no mellor rendemento da fabricación.

CONTACTO

info@proxectofisterra.gal

Proxecto subvencionado polo Instituto Galego de Promoción Económica da Xunta de Galicia e cofinanciado pola UE.

Subscríbete ao noso boletín

Páxinas legais

Desenvolvido pola boutique de comunicación, márketing e visitas virtuais e experiencias Orestes Comunica.