CTAG
O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia [CTAG] é unha infraestrutura tecnolóxica constituída como fundación sen ánimo de lucro e situada no municipio pontevedrés do Porriño. A súa misión é fomentar a competitividade das empresas do sector de automoción a través da investigación, desenvolvemento e innovación, tanto en produto como en proceso, dos distintos compoñentes e sistemas do vehículo, mediante a aplicación da súa know-how ao longo das distintas fases desde a investigación avanzada ata a vida serie.
Está formado por 1.100 persoas, maioritariamente doutores, enxeñeiros, enxeñeiros técnicos e outros titulados superiores. Só en 2021 colaborou con máis de 250 empresas na realización de proxectos de I+D+i. As instalacións de CTAG distribúense en 4 edificios cunha superficie de máis de 36.000 m2 en que inclúe unha zona de pistas e, adicionalmente, unha instalación anexa dedicada a procesos 4.0. Os seus obxectivos sintetízanse en dar un servizo eficaz ás empresas, respondendo as súas necesidades, desenvolver capacidades propias para entregar valor engadido, servir de xestor de coñecemento e de referente, e contribuír ao enriquecemento tecnolóxico da contorna. Os seus campos de traballo son o desenvolvemento e avaliación de conceptos human-machine interface, prototipado e validación, a investigación en novos materiais máis lixeiros e resistentes, a implementación de enxeñería mecánica mediante o desenvolvemento de compoñentes e sistemas, a promoción de sistemas de axuda á condución, vehículos eléctricos, comunicación e confort, seguridade pasiva e confort acústico, a redución de emisións e a innovación en fabricación, no relativo á Industria 4.0 e fabricación avanzada.
CONTACTO
info@proxectofisterra.gal
Proxecto subvencionado polo Instituto Galego de Promoción Económica da Xunta de Galicia e cofinanciado pola UE.
Desenvolvido pola boutique de comunicación, márketing e visitas virtuais e experiencias Orestes Comunica.
